Un noiés denuncia o proceso de selección para unha praza de monitor de pintura en Outes

OUTES> Un noiés denuncia o trato dado polo concello de Outes na baremación empregada no proceso de selección para a adxudicación dunha praza de monitor de pintura ó que el concorría. Pide unha explicación xa que considera que o trato non foi xusto.

Fran López Cierto, Fechán, presentouse ó concurso para a cobertura dunha praza de monitor de pintura que convocou o concello de Outes. No proceso veuse superado por outra persoa que acadou vinte centésimas máis na puntuación total. Ata aí todo correcto, pero resulta que, segundo el, tódolos candidatos a este posto, obtiveron un punto e medio na fase da entrevista persoal, menos el, que recibiu medio punto menos. Unha circunstancia que non entende.

Séntese discriminado, máxime despois de estar desempeñando este mesmo traballo durante o último ano sen ningún tipo de problema. Razón pola cal decidiu presentar unha reclamación no Concello, que aínda non foi contestada, ó entender que se estaba poñendo en dúbida a súa profesionalidade.

Dende o Concello eluden responsabilidades, sinalando que a decisión foi tomada por un tribunal técnico, na que non había ningunha representación do goberno. Ainda así sinalan que a reclamación do afectado será atendida en tempo e forma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí