A confraría de Noia segue a sementar os bancos con ameixa e berberecho do criadoiro do Freixo

NOIA> A confraría de Noia vén de sementar dous millóns de unidades de ameixa xapónica nos bancos da Misela e o Concheiro. En paralelo, están a realizar tarefas de limpeza coa retirada de depredadores e manteñen a vixilancia nas súas autorizacións.

Malia que a campaña marisqueira do presente ano que comezará en outubro pinta mal, a confraría de Noia segue a traballar a reo para mellorar a produtividade de cara a futuros exercicios. Así esta semana sementaron dous millóns de unidades de ameixa xapónica mentres que a anterior fixeron o propio cun millón duascentas mil unidades de ameixa babosa.

Ás tarefas de sementeira súmanse os labores de limpeza e vixilancia dos bancos que están a desenvolver dende que pechara a campaña en febreiro. Labores, todos eles, encamiñados a garantir futuras campañas posto que a que está a piques de comezar está xa condicionada pola alta mortaldade de marisco que provocou a auga doce procedente da presa do Tambre.

Precisamente, os servizos xurídicos da confraría están a estudar posibles accións legais por estes feitos ante a falla de interese da administración que segue sen establecer un protocolo para o baleirado da presa que minimice os efectos sobre os bancos marisqueiros.