Vilagarcía retirará os símbolos franquistas aínda visibles nalgunhas zonas da cidade

VILAGARCIA> Vilagarcía eliminará a simboloxía franquista visible aínda en varias zonas da cidade. O Concello solicitoulle hoxe ó arcebispado a retirada da cruz falanxista situada na fachada da igrexa de Santa Olaia. Ademais, tamén se van abordar cambios no rueiro para modifica-lo nome das vías que aínda manteñen a súa denominación franquista.

Esta rúa está adicada a Fernando Suárez de Tangil, máis coñecido como Conde Vallellano, quen fora ministro de Franco e procurador en cortes ata a súa morte, no ano 1964.

Estoutra, a avenida Rivero de Aguilar, homenaxea ó director de obras públicas do réximo nos anos 60. Unha carambola do destino quixo que este monumento de lembranza ás vítimas do franquismo se erguese nunha das súas beiras.

O goberno local –co apoio de toda a corporación- quere elimina-los vestixios franquistas que aínda permanecen en Vilagarcía. Esta non é a primeira vez que Ravella acorda retira-la simboloxía da ditadura: o asunto xa se acordara en Pleno no 2008.  Agora, dez anos despois, o actual goberno recoñece que a actuación tardou en chegar.

Na reunión, na que participaron tódolos grupos políticos agás o BNG –que xustificou a súa ausencia- acordouse a contratación dunha asistencia técnica para a revisión do rueiro e a aplicación da Lei de Memoría Histórica.

O concello tamén vai retirar este busto de de Calvo Sotelo no parque Doutro Fleming, considerado un dos ideólogos do franquismo. Ademais, o executivo local xa solicitou formalmente á Igrexa a retirada da Cruz que homenaxea ós membros do bando falanxista, situada na fachada da parroquial de Santa Olaia. Hai 15 anos xa se fixo unha solicitude semellante, recibindo daquela unha resposta do arcebispado dando a súa conformidade. Con todo, ese símbolo permaneceu intacto durante todos estes anos. Canal Rías Baixas púxose hoxe en contacto co cura da igrexa para preguntarlle pola retirada da cruz. Con todo, o sacerdote declinou facer declaracións.