Admiten a trámite unha nova denuncia de Vilanova contra a Deputación

VILANOVA> Admitida a trámite unha nova denuncia do Concello de Vilanova contra a Deputación de Pontevedra. Desta volta, é a decisión da institución provincial de deixar fóra dunha liña de axudas ao concello vilanovés o que provocou que o goberno local recorrera ao xulgado. O proxecto presentado polo executivo ao plan de reequilibrio provincial contemplaba a construción dunha piscina de mar.

O Concello de Vilanova volve levar ao Xulgado á Deputación de Pontevedra. O xulgado vén de admitir a trámite a nova denuncia do goberno local contra a institución provincial. Desta volta, por deixar fóra dunha liña de axudas o proxecto do concello vilanovés para a construción dunha piscina de mar.

Vilanova solicitara no seu proxecto unha achega dun millón de euros para a construción da piscina no marco do plan de reequilibrio provincial, dotado de 18 millóns de euros. Dende a Deputación aseguran que a documentación presentárase fóra de prazo, por iso desbotaron o proxecto.

Para Durán, este é un exemplo máis da discriminación que están a sufrir os concellos do PP por parte do goberno bipartito da Deputación. De feito, o concello vilanovés xa levou ao xulgado a decisión da institución provincial de paralizar a obra da estrada de Baión.

O rexedor vilanovés asegurou que só recorre ao xulgado para defender o interese dos seus veciños.