VILAGARCÍA> A escasos dias de que arranque o Entroido, a venda de disfraces semella resistirse. Os establecementos quéixanse dun descenso da demanda en comparación con campañas anteriores. Con todo, son moitos os que xa se fixeron co seu traxe: como sempre, os clásicos e os fenómenos televisivos son dos máis demandados.
Din que na variedade está o gusto e, en cuestión de disfraces, hai moito onde elixir. A pesar da gran oferta que podemos atopar no mercado, semella que este ano a demanda de traxes está resistíndose. No sector, quéixanse das vendas.
Nas tendas, aseguran que cada vez máis, preferimos construí-lo noso propio disfraz caseiro antes de mercar un traxe. Por iso, os descontos en plena campaña están á orde do día.
Nos establecementos aseguran que están a salva-la campaña do Entroido, en boa medida grazas ós bebés. Cada vez son máis os que se animan a disfrazar ós seus pequenos, incluso dende os 0 meses.
E para os nenos e nenas, como sempre, mandan os clásicos. Con todo, entre princesas, superheroes e superheroinas, as personaxes de moda da televisión teñen –un ano máis- un papel protagonista. E para os maiores, como manda a tradición, repítese un ano máis o de todos os anos: eles disfrázanse de elas e elas buscan algún traxe xeitoso.
Así que xa saben, se aínda non o teñen decidido, boten unha ollada e escollan o traxe que mellor lles acaia: o importante, xa o saben, é pasalo o mellor posible.