SANXENXO> A vindeira fin de semana Noalla, en Sanxenxo, será o epicentro do bo comer. A parroquia celebra a trixésimo primeira edición da súa Festa da Ostra. Será os días 9, 10 e 11 nunha carpa gastronómica que se instalará no campo de fútbol. A organización agarda superar os datos do ano pasado, cando esgotaron as 22.000 unidades deste bivalvo.
Elas, as ostras, serán as protagonistas indiscutibles da fin de semana do 9 ao 11 de agosto en Noalla. A parroquia celebra unha nova edición, e xa van 31, da súa Festa da Ostra, unha das citas máis populares do calendario gastronómico festeiro.
A organización agarda mellorar as cifras do ano pasado. Unha edición na que se esgotaron as 22.000 unidades previstas. Pero haberá tamén alternativas gastronómicas máis aló deste bivalvo.
A cita celebrarase na carpa que se instalará na contorna do campo de fútbol de Noalla. E conta coa colaboración do concello de Sanxenxo.
En canto aos prezos, en liñas xerais mantéñense os de anos anteriores. No caso da ducia de ostras, por exemplo, cobrarase a 10 euros. Contía que non mudou nos últimos 15 anos.











