CAMBADOS> Sito Miñanco, detido nunha macrooperación contra o narcotráfico e o branqueo de capitais. O histórico capo cambadés foi detido en Alxeciras, aínda que o operativo realizou máis de 40 rexistros en Andalucía, Madrid e Cambados. Aquí a Policía Nacional rexistrou durante horas a inmobiliaria San Saturnino propiedade da filla de Miñanco, que tamén foi detida no marco desta operación.
A Policía Nacional volveu deter o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco. O cambadés caeu en Alxeciras, no marco da macrooperación Mito contra o narcotráfico e o branqueo de capitais.
Na operación realizáronse máis de 40 rexistros en Alxeciras, Málaga, Collado Villalba, en Madrid, e en Cambados. Aquí a Policía Nacional centrou as súas pesquisas nun estaleiro de O Facho e na inmobiliaria San Saturnino, propiedade da súa filla Rosa María. Os axentes rexistraron o piso durante máis de cinco horas, abandonándoo a primeira hora da tarde cargados de caixas con documentación.
Ademais de Miñanco, hai máis de 40 detidos nesta macrooperación que dirixe a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela. Entre eles, figuran a filla do capo cambadés e David Pérez Lago, fillastro do tamén narcotraficante histórico Laureano Oubiña. Os investigadores sospeitan que a banda se dedicaba a introducir cocaína en España e a branquear os cartos, con Miñanco á fronte.
Durante a intervención na localidade madrileña de Collado Villalba resultaron feridos catro axentes nun tiroteo nunha nave dun campo de tiro próxima a Alpedrete. Un foi ingresado no hospital Puerta de Hierro para ser intervido por unha ferida de bala nun hombreiro.
Sito Miñanco está en semiliberdade dende abril de 2015, despois de cumprir condena no cárcere de Alxeciras. Dende entón, traballaba como vixilante dun aparcadoiro. Ademais, estaba previsto que en dez días o capo cambadés sentara na Audiencia de Pontevedra por branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas. O Fiscal pídelle seis anos de cadea e o pago dunha multa de dez millóns de euros.