PONTEVEDRA> Suspendido ata novo aviso o xuízo contra Sito Miñanco. Despois de máis dunha hora de deliberación, o tribunal decidiu aceptar a trámite a petición de dous letrados da defensa na que solicitan a recusación de dous dos maxistrados. Agora un novo tribunal da Audiencia Provincial deberá decidir se acepta a petición e se deberá conformarse unha nova sala para xulgar a José Ramón Prado Bugallo e aos outros catro acusados por branqueo de capitais.
Finalmente haberá que agardar para que Sito Miñanco declare na Audiencia Provincial. O xuízo contra o capo cambadés e outros catro acusados non se chegou a retomar esta mañá, despois de que o tribunal aceptara a trámite dous recursos solicitado a recusación de dous maxistrados.
Os recursos foron presentados polos avogados de Miñanco e da súa filla, Rosa María Padro. Consideran que dous dos maxistrados que forman o tribunal están contaminados, xa que no 2011 participaron noutras decisións previas sobre a instrución da causa. Primeiro, sobre a competencia de que xulgado debía instruír a causa, Vilagarcía ou Cambados. Segundo, unha resolución sobre a nulidade na que non se citaron ás partes á vista, só ao fiscal.
Con esta decisión, ábrese un proceso que tardará un tempo en resolverse. O contido dos escritos deberá trasladarse ás partes para que fagan alegacións, e logo conformarse unha nova sala para decidir na Audiencia Provincial. Se considera que hai motivo para a recusación, deberá formarse unha nova sala.
O avogado de María Rosa Pouso, ex muller de Miñanco, anunciou que se sumará á petición de recusación plantexada polos outros defensores. Os cinco acusados sentan na bancada por un presunto delito de branqueo de capitais, polo que o fiscal lles pide seis anos de cadea e dez millóns de euros de multa.