Cuntis converte en vías de dobre sentido nove camiños municipais

CUNTIS> O Concello de Cuntis acaba de transformar en vías de dobre sentido NOVE camiños municipais. Todos eles quedaran moi deteriorados tralo paso do forte temporal do 2016 que asolagara a zona. O proxecto levouse adiante grazas a un préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra.

As inclemencias meteorolóxicas sacudiron, e moito, Cuntis no pasado 2016. O mal tempo deixara daquela danados ata nove viais, que agora foron arranxados polo Concello grazas a un préstamos sen xuros da Deputación. Dos 123.000 euros que costou a actuación, o ente provincial prestou ó executivo local preto de 97.000.

Os nove camiños foron reconvertidos agora en viais de dobre sentido. Para o alcalde da localidade, unha das actuacións máis destacadas está no camiño de Piñeiros, unha vía que dá acceso ó Centro de Saúde.

David Regades, o deputado provincial, aproveitou a súa visita a Cuntis para salientar que o Plan Concellos 2018 pon a disposición do concello preto de 929.000 euros para novos proxectos. As obras que se acomentan con cargo ó Plan Concellos poderán ser adxudicadas este ano. Terán que estar executadas a mediados do 2019.