Os xubilados de Rianxo non están dispostos a deixar o local da confraría

RIANXO> Os xubilados de Rianxo non están dispostos a marchar do baixo da confraría. Insisten en que o local lles foi cedido no ano 2001 polo que non teñen dereito a desaloxalos. Aínda así, existe unha sentenza firme que dá a razón á confraría. A polémica entre a confraría de Rianxo e o club de xubilados está servida. A pesar da sentenza que dá a razón ó pósito sobre a titularidade do local que ocupan, os maiores non están dispostos a marchar. Tras moitos anos usando estas instalacións, lembran que en 2001 fíxose efectiva a cesión de uso a través dun documento asinado pola antiga directiva do pósito. Están dispostos a asumir os gastos que lles corresponden en materia de auga e luz pero que, din, están moi por baixo dos oito mil euros anuais que indicaba o patrón maior. Non entenden as razóns que alega o pósito para reclamar o local posto que, din, dispón de varios espazos sen usar que poderían albergar a futura depuradora ou o arquivo. As alternativas propostas, unha delas no renovado liceo marítimo, tampouco convencen ós xubilados posto que non dispón de aparcadoiro nin de instalacións accesibles. Así as cousas, a terceira idade ten pensado dar a batalla ante un desaloxo que, malia semellar inminente, os pensionistas o ven aínda moi lonxe.