O GROVE> No Grove, segue a tensión entre as mariscadoras de a pé e a patroa da Confraría de Pescadores. Nas últimas horas María del Carmen Besada comparecía para rexeitar as críticas das mariscadoras que esixen a súa dimisión, por faltas de respecto e por poñer trabas ao seu traballo. Di que non pencha marchar e asegurou que está a sufrir unha campaña de bulos e desinformación. Mentres, ás portas do pósito, as mariscadoras volvíanse concentrar.
Este era o ambiente que se respiraba ás portas da Confraría de San Martiño do Grove durante a rolda de prensa, portas para dentro, da patroa maior. Mentres fóra se concentraba un cento de mariscadoras, María del Carmen Besada comparecía arroupada pola maioría da xunta directiva para rexeitar as críticas das mariscadoras de a pé. Elas denuncian unha xestión autoritaria e problemas laborais. Unhas acusacións que a patroa rexeita, asegurando que está a sufrir unha campaña de bulos e desinformación.
Besada fixo especial fincapé na xestión das subvencións, destacando que dos 879.000 euros captados polo pósito, case o 52% foi para o sector do marisqueo a pé.
Ratificou que non pensa marchar e rexeitou as acusacións de ter sido escollida a dedo, lembrando que obtivo 16 dos 24 votos.
Pero as mariscadoras de a pé non recúan. Insisten en denunciar unha mala xestión por parte da patroa maior, con insultos e ameazas de por medio. A pinga que rebordou o vaso foi a situación dos traballadores do punto de control que, segundo apuntan, viron reducidos os seus salarios ao tempo que aseguran sufrir un trato desigual respecto dos traballadores de oficina. Avanzan que seguirán coas súas mobilizacións ata que a patroa marche.