O Barbanza despide o entroido ata a fin de semana

BARBANZA> O mal tempo non impediu a queima do Felipe en Ribeira ou a sardiña en Porto do Son. A chuvia deu onte pola noite unha pequena tregua en Ribeira e a comitiva fúnebre que acompañou ó Felipe na súa despedida puido saír no seu habitual acompañamento polas diferentes rúas do casco urbano ata a praza de Pontevedra onde se procedeu á incineración dos seus restos mortais. O señor Bispo de Moldes foi o encargado de oficiar o sepelio, acompañado pola súa eminencia o reverendísimo doutor da Folla Seca, o Marqués de Cacharrachada e o gobernador do Entroido, o excelentísimo señor Pedro Pateiro. A súa dona, fillos, irmáns e demais familia, tras o cadaleito, choraban a bágoa viva a morte do Felipe, que finaba nesta xornada tras pasar varios días de troula. Malia a tristura do momento, non faltou a música, ó ritmo da charanga ‘O Santiaguiño’que acompañou tamén a comitiva fúnebre. Ribeira foi unha excepción. No resto de concellos optouse por cancelar as principais actividades do entroido para a fin de semana en previsión da mellora da climatoloxía. É o caso de Boiro e Rianxo que decidiron aprazar as actividades para o domingo, incluido o desfile e o concurso de disfraces e carrozas. Mentres que na Pobra será o sábado. Outra das citas pendentes do entroido é o Rally París-Dakar de Noia que tamén se veu aprazado polo mal tempo. Será finalmente o venres 23 de febreiro. A celebración do tradicional desfile e concurso de disfraces noiés chega este ano á súa trinta e catro edición. Este ano repartiranse en premios ó redor duns oito mil euros.