BNG e PSOE de Ribeira solicitan un pleno para debater o estado da cidade

RIBEIRA> O BNG  e o PSOE de Ribeira solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario de debate sobre o estado da cidade. Atribúen a necesidade de celebrar esta sesión á falla de xestión e de transparencia por parte do goberno. Dado que se precisa unha cuarta parte da corporación para solicitalo, as agrupacións municipais de BNG e PSOE puxéronse de acordo para pedir por primeira vez a convocatoria dun pleno extraordinario para o debate do estado da cidade. Trátase dunha competencia contemplada no regulamento municipal aprobado en 2012 pero da que, ata o momento,  non se fixo uso nin por parte do goberno nin da oposición. Os dous grupos municipais decidiron solicitalo agora ante a parálise e falla de transparencia da que acusan ó goberno. A súa intención ademais é instituír este órgano formalmente para que se poida  celebrar anualmente. O regulamento municipal establece que este pleno deberá celebrarse nos seis primeiros meses do ano e trala solicitude da oposición é agora competencia do alcalde a súa convocatoria. A este respecto, Manuel Ruíz amosou a súa boa disposición e lembrou que tras unha anterior petición do BNG xa expresara o seu compromiso de convocalo unha vez se someteran a pleno os orzamentos municipais.