RIBEIRA> O Museo de Artes do Gravado de Ribeira vestiuse de longo na celebración do seu 25 aniversario. O acto celebrado a pasada tarde contou cunha ampla representación institucional co presidente da Xunta á cabeza quen destacou o papel deste centro como motor cultural e embaixador internacional de Galicia.
Ó longo dos seus 25 anos de traxectoria, o Museo do Gravado de Artes tense consolidado como un referente internacional no mundo da arte non só pola súa inxente colección de fondos senón tamén pola xeración de propostas culturais de primeiro nivel. Así o destacou o presidente da Xunta no acto de celebración do 25 aniversario desenvolvido a pasada tarde.
Ademais do máximo mandatario galego, o acto contou cunha ampla representación do mundo da cultura e institucional. Xunto coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e demais membros da corporación, participaron nesta celebración o Conselleiro de Cultura, Xosé López, o portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández así como o director do museo, Xoán Pastor Fernández, e promotor e mecenas que impulsou a posta en marcha deste museo, Javier Expósito.
O museo custodia na actualidade máis de 45 mil gravados e unha biblioteca de 12 mil publicacións cuxa protección especial está en proceso de tramitación por parte da administración autonómica.











