VILAGARCIA> A deputación de Pontevedra recuperou máis de mil oitocentas toneladas de residuos grazas ao seu proxecto Estraee. O programa que se levou en conxunto co norte de Portugal estaba enfocado á reciclaxe de materiais eléctricos e electrónicos. A deputación fixo balance deste proxecto en Vilagarcía nunhas xornadas nas que tamén se buscaba concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente e a economía circular.
A deputación de Pontevedra en colaboración con diferentes entidades galegas e do norte de Portugal puxo en marcha o proxecto Estraee. Un programa financiado con máis de 2 millóns de euros cuxo obxectivo era a recuperación e reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos. Para facer balance deste proxecto e informar dos resultados a Deputación organizou unha xornada en Vilagarcía.
De feito os resultados son moi bos, situando a reciclaxe destes materias moi por riba da media española e galega.
O programa incluíu numerosos proxectos que se foron levando a cabo por diferentes concellos. Dende Vilagarcía sinalan que este proxecto axudoulles a mellorar a súa reciclaxe. Pero tamén sinalan que é un traballo que depende da colaboración cidadá.
O proxecto levouse a cabo colaborando con entidades portuguesas e concellos do norte do país veciño. Dende Portugal sinalan a importancia de reciclar estes residuos xa que os elementos eléctricos e electrónicos cada vez teñen menos tempo de vida.
Todas as partes mostraron a súa satisfacción co proxecto e sinalaron a necesidade de continuar traballando en común para eliminar os residuos e reutilizalos, fomentando a economía circular. Como explicaba a presidenta da deputación, este proxecto so é o comezo.