Vilagarcía réndese ao sabor das mellores tapas

VILAGARCÍA> Durante os vindeiros días, Vilagarcía réndese ó sabor das mellores tapas. Xa está en marcha a segunda edición invernal do concurso DESTAPA, unha iniciativa na que participan 15 establecementos da cidade. Nós hoxe estivemos nun deses locais.

Adentrámonos na cociña de Ricardo para saborea-la proposta que este ano presentou á segunda edición invernal do Destapa. A súa tapa é esta, unha filloa con prebe de allada rechea de cotelo de porco e repolo. Esta é só unha das 15 propostas que poderemos saborear a partir de mañá, nesta nova entrega do exitoso concurso, no que atopamos unha ampla oferta.

A cita gastronómica repite por segundo ano consecutivo, cun formato moi semellante á primeira edición invernal, celebrada o ano pasado. Con todo, este ano os establecementos quixeron darlle un maior pulo ós produtos de tempada.

Os hostaleiros que participan no concurso apuntan que eventos como este serven para desestacionaliza-lo consumo. Segundo aputan, a edición de inverno funciona case tan ben como a de verán, a pesar de que o volume de público é moito máis reducido. As persoas que se animen a degusta-las tapas, ademais de levar un bo sabor de boca para a casa, entrarán no sorteo de varios premios.

Así que xa o saben, teñen unha semana para proba-las 15 tapas do concurso e vota-la súa favorita.