Portos inviste 900.000 euros en dous pantaláns para Vilaxoán

VILAGARCÍA> Os novos pantaláns do porto de Vilaxoán, máis preto de ser unha realidade. Portos de Galicia publicou no DOG o proxecto destas novas instalacións, que permitirán a creación de 19 prazas de amarre. Esta ampliación conta cun orzamento de 900 mil euros e terá que estar rematada en 5 meses.

O porto de Vilaxoán estreará pantaláns este 2018. Portos de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia o proxecto para construír estas novas instalacións. Os plans do ente autonómico contemplan dotar a dársena de dous pantaláns de 50 metros de lonxitude, que suporían a creación de 19 prazas de amarre para esloras de 16 a 22 metros.

Agora mesmo, hai dezaoito embarcacións de acuicultura que operan no porto de Vilaxoán pero que non contan cunha zona específica de atranque. De feito, amárranse unhas ás outras na entrada do peirao. Estes dous novos pantaláns permitirán dar cabida ao total da flota, contemplando ademais unha praza de reserva de cara ao futuro.

Portos de Galicia xa ten redactado o proxecto de construción, e está previsto que a obra saia a licitación nos vindeiros días. A intervención contempla tamén o dragado da zona ata a cota menos dúas.

Para estes traballos, que contan cun prazo de execución de cinco meses, a Xunta ten previsto destinar un orzamento de 900 mil euros.