A reforma da estrada entre Xil, Covas e Barrantes estará rematada a finais deste ano

RIBADUMIA> A Deputación de Pontevedra reformará a estrada que conecta Xil, Covas e Barrantes, entre os concellos de Meaño e Ribadumia. O organismo provincial investirá máis de 1,2 millóns de euros para a mellora da seguridade nesta vía. A actuación afectará a un treito de cinco quilómetros e medio. A previsión é que a obra comece neste semestre para que estea rematada a finais de 2025.

Trátase dunha vella demanda dos veciños da zona que se fará realidade axiña. A reforma desta estrada, que une os núcleos de Xil, Covas e Barrantes, entre os concellos de Meaño e Ribadumia, será asumida ao 100% pola Deputación de Pontevedra. A actuación traducirase nunha mellora da seguridade viaria dun treito de 5,5 quilómetros.

Ademais, mellorarase a rede de pluviais e todos os sinais verticais e horizontais. Na visita desta mañá do presidente da Deputación, os alcaldes dos dous municipios celebraban o anuncio deste proxecto, salientando ademais que é  unha mellora que viñan reclamando os veciños da zona.

Unha vía, lembra o alcalde de Meaño, moi transitada en certas épocas do ano, por ser zona de furanchos.

O proxecto atópase nestes momentos en fase de licitación, coa previsión de que as obras comecen antes do verán para que poidan estar rematadas a finais deste 2025.