VILAGARCÍA> Multitudinaria celebración en Vilagarcía para recibir o 2025. Milleiros de persoas déronse cita este mediodía na praza de Ravella para dar a benvida ao novo ano na XXIV Toma das Uvas.
Os televisivos Mozos de Arousa actuaron este ano como mestres de cerimonia nestas badaladas adiantadas. Raúl, Borjamina e Bruno foron un dos grandes reclamos, convertendo á deste ano nunha das citas máis multitudinarias dende que se celebra esta tradición. A organización repartiu 400 botellas de cava, uns 350 quilos de uvas e lambetadas para a rapazada.
A xornada arrancou a primeira hora da mañá con animación de rúa, unha batucada e a performance ‘Danza do sol’ da man da compañía de Nelson Quinteiro. Houbo tamén distintas actuacións musicais ata o mediodía, con Pablo Balseiro e Os Verbenians, ademais dunha discoteca móbil. Outro dos grandes reclamos desta edición é o ‘pozo dos desexos’, onde os vilagarciáns puideron deixar os seus anhelos para o 2025.











