VILANOVA> 2 meses e medio con actuacións tódalas semanas. Vilanova presenta a programación das Sonatas de Verán. As orquestras París de Noia, o Combo Dominicano e Panorama son o prato forte do festexo. A programación tamén inclúe a conmemoración dos 10 anos da saída da volta ciclista dende unha batea no porto da vila.
As Sonatas de Verán regresan outro ano máis a Vilanova de Arousa. Unha programación cultural ampla e para todos os públicos que levará actuacións musicais e culturais á vila de xullo a setembro. As actividades inclúen cine, teatro, poesía e sobre todo, moita música.
Precisamente, as sonatas abriranse o venres 30 coa actuación das orquestras París de Noia e Ritmo Joven no pazo de Vista Real. Será o primeiro acto realizado no espazo trala última renovación.
A programación continúa coa con actuacións musicais xa sexa de orquestras ou de grupos tradicionais e locais durante todas as fins de semana, teatro, actividades para nenos, o festivalle en homenaxe a Valle Inclán, cine e gastronomía coa festa do mexillón. Actos que terán lugar en diferentes puntos da vila para potenciar a hostalería e as rúas.
Pero a gran novidade deste ano é a homenaxe aos 10 anos da saída da volta ciclista dende Vilanova. O concello traballa para intentar recrear a famosa batea na que saíu a volta e para traer a participantes e organizadores daquela edición.
Moitas das actividades serán presentadas con máis detalle antes da celebración, e incluso se desvelarán sorpresas para algúns dos actos. Á marxe das novidades que poidan xurdir, dende o 30 de xuño ata o día do patrón da vila, o 16 de setembro, a cultura estará sempre presente en Vilanova.