Gran acollida da orixinal campaña de dinamización do comercio local de Rianxo

RIANXO> Orixinal iniciativa a desenvolvida polo comercio local de Rianxo este xoves. Os establecementos empapelaron os seus escaparates como se botaran o peche definitivo para facer visible o impacto que tería na vila a desaparición do sector. ¿Non imaxinamos Rianxo sen ti: imaxínalo sen nós?. Este é o lema que se puido ler onte na maior parte dos comercios e locais hostaleiros da vila que se uniron para desenvolver unha orixinal e impactante campaña en prol do comercio local. Os comerciantes cubriron os escaparates con papeis, simulando que pecharan de xeito definitivo. Así, pretendían facer visible que acontecería na vila se os veciños non tivesen onde mercar o pan ou tomar un café. A campaña, promovida pola ARE, a asociación A Martela e o concello tivo unha gran repercusión entre a veciñanza que, trala sorpresa inicial, valorou moi positivamente a iniciativa. Tamén a acollida entre os participantes foi notable con máis dun cento de establecementos que secundaron esta posta en escena, non só no casco urbano senón en tódalas parroquias. Mesmo algunhas instalacións municipais como a piscina sumouse á campaña que ten como obxectivo último a dinamización do pequeno comercio.