VILAGARCÍA> A ANPA do colexio da Escardia celebra o anuncio da Xunta de acabar co calor excesivo no centro. O goberno galego anunciou que vai mudar boa parte das fiestras do edificio, para porlle fin ós problemas de climatización. Nalgunhas aulas do colexio o termómetro chegou a acada-los 40 graos.
As nais e pais da Escardia levan anos loitando para que se solucione o problema das altas temperaturas no centro. Tanto tempo, din, que ata comezaran a perde-las esperanzas de conseguir unha solución.
O centro presenta graves problemas de climatización, o que se traduce nos meses máis cálidos, nun abafante incremento das temperaturas. Agora, a Xunta anunciou que vai intervir no edificio. As melloras basearanse na retirada de 32 fiestras.
O termómetro chegou a roldar nalgunhas das aulas da Escardia os 40 graos. Unha situación moi molesta para o alumnado e o profesorado.
Dende a ANPA apuntan que o problema existe dende que foi construído o centro. Dende a ANPA celebran a súa vitoria e recoñecen a loita de todos os pais e nais que, durante anos, loitaron pola mellora das instalacións
No colexio da Lomba, que tamén sofre un problema semellante, a Xunta opta por instalar toldos en seis fiestras nas aulas de infantil.