O Piñeiriño reivindica máis ciencia e menos guerras coa Aldea de Nadal ‘máis pequena do mundo’

VILAGARCÍA> No barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía, volven facer do pequeno algo moi grande. Logo do éxito do ano pasado, cando crearon a árbore de Nadal máis pequena do mundo, este ano preséntannos a Aldea de Nadal máis pequena do planeta. Un pequeno gran poboado, que só se pode ver a través de microscopio, coas súas casas, a súa árbore e o que é máis importante, cargado de simboloxía a favor da paz. Todo baixo unha mensaxe clara: “máis ciencia, menos guerra e stop xenocidio”.

E outra vez volvérono facer. Logo de crear no 2023 a árbore de Nadal máis pequena de España e o ano pasado a máis pequena do mundo, no barrio do Piñeiriño de Vilagarcía volven conseguilo. Para estas Festas botaron man de novo do microscopio para vivir ao grande o seu Nadal. Nesta ocasión, creando a Aldea de Nadal máis pequena do mundo.

Detrás desta curiosa iniciativa está a Asociación Cultural Breogán.O deseño corre outra vez a cargo dos científicos Adrián Seijas Gamardo e Elisabetta Avizzano, do MERLN Institute da Universidade de Maastricht.

Porque este ano, ademais, a proposta chega cunha mensaxe en defensa da paz, reinvindicando máis ciencia, menos guerra e stop xenocidio.

Dende a asociación agardan que a mensaxe chegue lonxe, tanto como a repercusión mediática que consegue o seu diminuto Nadal. Canal Rías Baixas foi hoxe a primeira televisión en visitar o Nadal, xunto cos compañeiros da prensa escrita. A partir de aquí, agardan a visita doutras cadeas nacionais e mesmo internacionais.

Porque non fai falta enchelo todo de luces nin montar a árbore máis alta. No Piñeiriño, ao seu xeito, volven conseguir facer deste o Nadal máis grande do mundo, este ano ademais iluminando conciencias por un 2026 en paz.