Cambados implantará a ‘zona 30’ en todo o seu núcleo urbano

CAMBADOS>  O centro urbano de Cambados será Zona 30 a partir do ano que vén. Coa limitación de velocidade o goberno local busca mellora-la seguridade viaria no núcleo histórico da vila. De media, a localidade rexistra ó mes 6 accidentes por alcance.

A partir de 2020 polo centro de Cambados poderase circular, como moito, a 30 quilómetros por hora. O goberno local vai reduci-la velocidade máxima en moitas das rúas do municipio. A medida busca recupera-las rúas como punto de encontro e convivencia, reduci-la contaminación e mellora-la seguridade viaria.

De media, cada mes prodúcense nas rúas de Cambados seis colisións por alcalce. Segundo datos municipais, no que vai de ano víronse implicadas unhas 120 persoas nestes accidentes. Cren que a limitación da velocidade suporá unha redución drástica da sinitralidade.

A redución da velocidade irase aplicando de xeito gradual a partir do ano que vén. A medida aplicarase primeiro no conxunto histórico e, pouco a pouco, irase estendendo ó resto do centro urbano.

E nesas vías que non son de titularidade municipal tamén se poderían ver afectadas no futuro. Para iso, o executivo local trasladará a súa proposta tanto á Xunta como a Deputación de Pontevedra.

A limitación a 30 quilómetros por hora en Cambados vén abalada por informes da Policía Local. Para o goberno cambadés o acerto da medida tamén queda demostrado noutros concellos da comarca e da provincia, onde a redución da velocidade hai tempo que xa é unha realidade cunha mingua da sinistralidade e un aumento da calidade de vida dos peóns e residentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí