Arosa propón suprimir o rexistro de matrículas de clientes do novo plan de tráfico da Illa

A ILLA>  O concello da Illa estuda suprimir do seu novo plan de tráfico do centro urbano o rexistro de matrículas dos clientes do comercio local. Era unha das principais queixas dos negocios, que consideraban engorroso ter que facer un listado coas matrículas dos clientes non residentes e pasarlle despois eses datos á Policía Local. O alcalde avanza que se están a valorar medidas alternativas, como habilitar unha bolsa de estacionamento dentro da zona restrinxida para aqueles que fagan as súas compras no comercio insular.

Logo da polémica desatada, que tivo o seu momento álxido na mobilización de hai 15 días, o concello da Illa continúa a perfilar o plan de reordenación do tráfico nunha parte do núcleo urbano. O alcalde deféndeo, argumentando que leva anos escoitando a veciños desa zona queixarse do colapso que viven esas rúas. Con todo, Luis Arosa abre a porta a modificacións substancias: estuda suprimir o rexistro de matrículas dos clientes non residentes que vaian ao comercio local. Unha tarefa da que se terían que encargar os propios establecementos, que despois estarían obrigados a pasar eses datos á Policía Local.

A solución pasaría por facer ese rexistro a través doutro sistema nun aparcadoiro que xa está habilitado na avenida de Castelao. Esa bolsa de estacionamento quedaría dedicada para os clientes non residentes, para favorecer as vendas do comercio local.

Esa proposta, indica o alcalde, xa foi trasladada aos comerciantes da Illa, que quedaron en organizar unha xuntanza para valorar estes posibles cambios. Outra das súas peticións era quitar a avenida Castelao da área restrinxida. Unha opción que polo de agora non contempla o concello.

Ao mesmo tempo, Arosa fala dos avances para a creación dunha nova zona de estacionamento con 300 prazas na contorna do instituto, en dúas parcelas, unha municipal e outra da igrexa, á que xa se lle mandou unha proposta de convenio para a súa cesión.

O concello xa ten encargada a súa sinalización para a súa posta en marcha en cuestión de semanas.

Ademais deste novo parking, fóra da zona residencial hai xa outra zona con 90 prazas. A eles hai que sumar esas outras 100 prazas que, se conta co visto bo dos comerciantes, poderían destinarse preferentemente á clientela non residente.