O executivo boirense iniciou os labores de baleirado no pazo de Goiáns

BOIRO> A actuación é o paso previo para acometer a súa rehabilitación e convertelo nun espazo para uso e disfrute de tódolos boirenses. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, comprobaba esta mañá o resultado dos traballos de baleirado que se están a levar a cabo no interior do pazo. Segundo o rexedor trátase do paso previo á súa rehabilitación. Unha actuación necesaria debido ó seu estado actual de abandono. Trátase dunhas obras, presupostadas nun 36 mil euros, nas que o Concello segue estritamente os ditames da Dirección Xeral de Patrimonio, evitando danar as estruturas e os elementos de valor existentes no pazo, ó tratarse dun lugar protexido, especialmente a torre de Goiáns, declarada Ben de Interese Cultural. O alcalde incidiu na importancia do proxecto de rehabilitación, valorado nun millón de euros, e os usos futuros que se lle pretende dar a este espazo de indubidable valor cultural e medioambiental que unha vez rematada a súa remodelación poderá seguir sendo disfrutado polos boirenses.