A ILLA> Tensión entre o Concello da Illa e Portos de Galicia polo estado do paseo do Cantiño. A presidenta de Portos visitou esta mañá os traballos que se están a facer na zona afundida. O concelleiro Luis Arosa agradeceu a actuación, pero insistiu en que é necesaria unha reforma de todo o espazo. Apuntou que o paseo non está en condicións nin para facer esa visita. A presidenta de Portos, diante dos medios, retrucoulle ao socialista, apuntando que lle parecían unhas declaracións alarmistas. Coas cámaras aínda gravando, e en ton tenso, mantiveron un intercambio de pareceres sobre o estado da infraestrutura.
O lamentable estado do paseo do Cantiño desata o conflito entre o Concello da Illa e Portos de Galicia. Esta mañá a presidenta do ente autonómico visitaba a zona para supervisa-los traballos que se están a facer para a recuperación da zona afundida. O concelleiro Luis Arosa, agradecía a medida, pero volveu reclamar unha intervención en todo espazo. Mesmo indicou que o paseo non estaba nin en condicións para facer a visita.
Á presidenta de Portos non lle gustaron as palabras de Luis Arosa. Diante dos medios, acusouno de alarmar sen argumentos.
O intercambio de pareceres entre ambos continuou co concelleiro reclamando a cesión dese espazo -de titularidade autonómica- ao concello para levar a cabo un proxecto de construción dun aparcadoiro subterráneo.
Un proxecto, que dende o Concello lembran, xa foi remitido a Portos no ano 2009. Unha proposta que, 14 anos despois, a súa presidenta di descoñecer.
Polémicas á marxe, a presidenta de Portos dixo que polo momento os operarios están a valora-lo estado das zonas do paseo afectadas polo afundimento. Dixo que en función do que se atopen, actuarán.
A presidenta tamén aproveitou para salienta-los diversos investimentos feitos por Portos nos últimos anos, poñendo o foco -dixo- nas necesidades do sector pesqueiro.