O concello de Ribeira anima ós propietarios a entrar no programa de vivendas baleiras

RIBEIRA> O concello de Ribeira fai un chamamento ós propietarios de pisos para que se adhiran ó programa de vivendas baleiras enmarcado no convenio suscrito entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a FEGAMP. As bases para inscribir as vivendas no rexistro xa están dispoñibles na web municipal. Ademais de acreditar as condicións de habitabilidade e ter dados de alta os distintos subministros, os propietarios adquirirán o compromiso de poñer a vivenda a disposición durante tres anos. Unha vez asignada a renda máxima a cada inmoble, o departamento de Servizos Sociais elaborará tamén un rexistro das familias solicitantes que deberán cumprir tamén cunha serie de requisitos, relativos principalmente ó rango de ingresos. Unha vez formalizado o contrato privado entre as dúas partes, o arrendador disporá de dous seguros: un multirrisco e outro de impago, sufragados polo IGVS. Esta bolsa de vivendas pretende ser unha alternativa ás vivendas públicas do concello, que actualmente xa están alugadas.