A Feira do Comercio de Noia consolida o seu éxito de vendas

NOIA> A Feira de Comercio de Inverno de Noia Histórica pechouse este domingo con moi bo resultado. O nivel de vendas mantívose ou mesmo superou o dos últimos anos consolidando esta cita comercial como un referente xa para clientes e vendedores. Unha vintena de comercios sumouse á iniciativa, na que tiveron ocasión de poñer o broche de ouro ás rebaixas con interesantes descontos. O mal tempo púxose tamén de lado dos comerciantes posto que a chuvia e o frío animaron a moita xente a achegarse ata o pavillón Agustín Mourís. Alí, ademais dos expositores de cada un dos establecementos participantes, principalmente textil e calzado, instalouse unha cafetería e unha ludoteca para manter entretidos ós cativos mentres os pais realizaban as súas compras. A pesar de que este tipo de feiras rexistraron unha baixada de visitantes nos últimos anos, o certo é que en Noia segue a contar con gran respaldo dos clientes que pechan a tempada de rebaixas con numerosas compras. Así, nesta decimo terceira edición, as cifras volven dar a razón á patronal sobre a necesidade de seguir a promover este tipo de iniciativas que teñen garantida a súa continuidade nun futuro.