II Festa Gastronómica da Orella en Dorrón

SANXENXO> A comisión de festas de Dorrón prepara a Segunda Festa da Orella. A parroquia sanxenxina gozará o día 21 de abril dunha xornada completa de verbena. Tamén se venderán outras tapas a prezos populares. Entre elas, unha novidade: a empanada de orella.

Trala gran acollida do ano pasado, a comisión de festas de Dorrón organizará a II Festa Gastronómica da Orella. Con vistas a que aumente o número de visitantes a organización decidiu trasladar a verbena do campo de fútbol ó centro do pobo. A festa terá lugar o domingo 21 a partir das 12.

Dende a comisión móstranse moi optimistas e esperan dobrar as cifras tanto de visitantes como de venda de tapas de orella.

O cartel da festa mostra a un porco vestido de cociñeiro. O debuxo escolleuse despois dun concurso feito entre os escolares de Dorrón e que gañou Geray Losada.

A festa completarase cas actuacións da Soalleira de Dorrón, do grupo Brétema, do dúo Nova Era e pecharase cunha queimada.