O entroido do Barbanza recuperou as súas citas máis tradicionais

BARBANZA> Barbanza celebrou a fin de semana grande do entroido con actividades en tódolos concellos. Unha das máis destacadas foi o festival de murgas e comparsas de Ribeira que congregou a máis de mil persoas.

Tras anos sen celebrarse pola pandemia, o concello de Ribeira recuperou unha das súas citas máis tradicionais do entroido. O festival de murgas e comparsas reuniu a máis de mil espectadores na carpa instalada no Malecón que puideron disfrutar das actuacións das oito agrupacións participantes. Finalmente, foi Aquelarre Portus Ebora con ‘A quen lle importa’ quen logrou impoñerse entre tódalas participantes, seguida de Remember Grease da Asociación Haveira e  A Tuna da Residencia do Maior de Ribeira en terceiro lugar.

As tres gañadoras recibiron un premio de 1000, 500 e 300 euros respectivamente mentres que tódalas inscritas levaron unha gratificación de 200 euros tan só por participar. O festival estivo conducido pola actriz Isabel Risco quen aportou o toque de humor a unha gala que sacou máis dun sorriso ó numeroso público asistente.

Outra das citas con máis solera do entroido barbanzá foi a festa da orella de Porco na Boliña en Boiro. Nesta cita, organizada pola asociación de veciños da Boliña no Campo de Revelar, repartíronse máis de cen quilos deste prezado manxar así como 700 racións de doces típicos de entroido.  A música non faltou da man dos Dúos Charada e Rosán que amenizaron a festa ata ben entrada a madrugada.

En Lousame, os nenos foron os principais protagonistas do Festival de Entroido que se desenvolveu este domingo no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. A música en directo correu a cargo dos cantantes  Óliver Escobar, da París de Noia; Néstor Peña, da Olimpus; e Diego Moreira, da Panorama. Houbo tamén xogos, inchables e obradoiros así como unha degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate quente.