AMICOS promove a inserción laboral de mulleres con discapacidade

BARBANZA> Neste día internacional da Muller cómpre destacar o papel das mulleres con discapacidade que afrontan unha dobre discriminación. Para axudar a combatela, a asociación AMICOS do Barbanza conta cun servizo de formación e orientación laboral que o pasado ano conseguiu a inserción de dez mulleres. Hai anos que AMICOS conta con este servizo pero é agora nos últimos meses cando está a rexistrar unha maior demanda grazas ó labor de promoción que realizan dende a entidade. Non está destinado unicamente a usuarios da asociación senón tamén a persoas externas que, ben por iniciativa propia ou por medio doutras entidades, decidan optar a un itinerario personalizado de inserción laboral. Tras unha entrevista persoal para coñecer as necesidades de cada solicitante, iníciase a fase de formación. A partir de aí, comeza o proceso de mediación coas empresas que non conclúen coa contratación dos participantes posto que AMICOS ofrece tamén servizo de acompañamento no posto de traballo. As cifras avalan o éxito desta iniciativa cun alto índice de incorporación ó mercado laboral. Tan só o ano pasado, dez mulleres con discapacidade conseguiron un posto de traballo grazas a este programa.