Comuneiros e propietarios demandan a Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo

RIANXO> A plataforma en Defensa do Monte Galego presenta unha demanda colectiva contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo. As lapas iniciáronse nun poste eléctrico polo que reclaman ás compañías que asuman o custo de reposición da superficie queimada.

Cinco comunidades de montes e medio cento de propietarios asinan unha demanda colectiva contra as empresas Naturgy e Elecnor como responsables civís do incendio, orixinado nun poste eléctrico, que en marzo de 2019 arrasou máis de mil hectáreas de monte en Rianxo.

Os demandantes reclaman unha indemnización equivalente ó custe de reposición dos terreos queimados co fin de favorecer un novo modelo de xestión da masa forestal que axude a previr os incendios, limitando a masa de eucaliptos e establecendo cordóns de especies frondosas como cortalumes.

Pola súa banda, o concello, como titular dunhas vinte hectáreas afectadas, presentará tamén unha demanda propia. Previsiblemente seguirá o mesmo percorrido xudicial da causa que se instrúe en Madrid, dado que alí teñen a súa sede as compañías demandadas.