CAMBADOS> En Cambados, o concelleiro de Pode, José Ramón Abal, síntese traizoado polo seu excompañeiro de goberno, o socialista e rexedor da vila Samuel Lago. Case unha semana despois de que os seus exsocios anunciaran o seu cese como membro do executivo, Abal atribúe a decisión á súa oposición a subir o IBI aos veciños. O independente sinala a Lago como responsable da medida e asegura que non volverá darlle o seu apoio.
‘A verdade: defender o peto dos veciños tivo un prezo’. É o título do comunicado co que o edil de Cambados Pode, José Ramón Abal, explica a súa versión do que provocou a súa expulsión do cuadripartito.
Para Abal, que os seus exsocios falaran da súa oposición á RPT como a gota que colmou o vaso é unha cortina de fume. Recoñece que as relacións nunca foron fáciles pero sinala o mes de setembro do ano pasado e a súa negativa a subir o IBI como o inicio da escalada da tensión.
En canto á súa ausencia na reunión para avaliar o pacto de goberno, o edil de Pode asegura que a data non lle foi consultada e que cando se celebrou estaba nun compromiso familiar.
Sobre as acusacións dos exsocios que apuntaban á súa falta de compromiso co cuadripartito, Abal deféndese aludindo ao seu voto a favor do orzamento municipal para este 2026. Ademais asegura que agardaron á aprobación do documento para asinar o seu cese.
Aínda que recoñece que son momentos duros, xa dende a oposición o concelleiro asegura que está a recibir o apoio de moitos veciños.
Sobre o seu futuro, José Ramón Abal non desbotou un posible acordo co Partido Popular. Si pecha as portas a calquera acordo co alcalde, o socialista Samuel Lago.
Tamén apuntou que se segue a contar co apoio de Cambados Pode, repetirá como candidato nas eleccións municipais do vindeiro ano.











