AROUSA> Macrooperación contra a distribución ilegal de marisco en Arousa procedente de Portugal. As forzas de seguridade españolas e lusas practicaron esta mañá varios rexistros en depuradoras do Grove e Cambados. A operación enténdese, ademais, a outros puntos de Galicia e do resto da península.
Amplo dispositivo despregado hoxe na Arousa contra a venda ilegal de marisco procedente de Portugal. O operativo estendeuse por varias depuradoras do Salnés. Nel participaron axentes da Policía Nacional, da Policía Autonómica e do servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, interviñeron efectivos da Policía Marítima de Portugal.
Neste operativo internacional practicáronse rexistros en ata tres empresas do Grove, todas elas situadas en Rons. En Cambados, mentres tanto, as pescudas afectaron a dúas depuradoras, unha en Tragove e outra no Facho. Os rexistros forman parte dunha operación conxunta contra a distribución ilegal de ameixa xapónica.
As actuacións policiais arrancaron a primeira hora desta mañá, de xeito simultáneo en ambas localidades, na procura de documentación.
Fóra de cámara, algúns dos responsables das depuradoras onde se levaron a cabo as actuacións policiais consideran “esaxerado” o despregamento desta xornada. Indican que, en tal caso, as investigacións debería centrarse en Portugal, lugar de orixe da ameixa.