O reasfaltado da rúa Cruz Gallástegui, en Pontevedra, arrancará en menos dun mes

PONTEVEDRA> En menos dun mes arrancarán as obras de reasfaltado da rúa Cruz Gallástegui. A empresa que no 2016 levou a cabo o proxecto encargarase de corrixi-las deficiencias. O Concello quere aproveita-la intervención para humaniza-la vía e reforza-lo seu carácter peonil.

Se o tempo o permite, o 16 de abril comezarán as obras de reasfaltado da rúa Cruz Gallástegui. Hai tan só dous anos que esta vía estreaba nova imaxe, con plataforma única para reforza-la preferencia peonil. Pero o pavimento empregado daquela non resultou ser tan bo como se agardaba. Houbo dous problemas. Por unha banda, as resinas empregadas e, pola outra, as baixas temperaturas que se rexistraron no momento no que se asfaltou, ocasionando danos no firme.

Os traballos de reasfaltado serán asumidos pola empresa encargada da obra. Unha das principais novidades é que a rúa abandona o granate. Agora vaise empregar unha cor o máis semellante posible ás beirarrúas, para evidencia-lo seu carácter peonil

Ademais, esta nova intervención na rúa vai servir tamén para reforza-lo seu carácter peonil. A intención do goberno local é igualar o máximo posible o pavimento das beirarrúas co da calzada, para convertela nun espazo máis amable para os peóns. Tamén se van crear pequenos espazos para o lecer, coa instalación de bancos.

Se todo vai sobre o previsto, as obras terán unha duración dunha semana.