O marisco dos sete novos permex de Carril saen á venda en Vilaxoán

VILAGARCÍA> Os sete novos mariscadores de Carril puideron vender, por fin, o seu marisco. Finalmente a intervención do Servizo de Gardacostas permitiulles non ter que volver a casa cos petos baleiros. Iso si, tiveron que vender as súas capturas na lonxa de Vilaxoán, mentres a confraría carrilexa se mantén na súa negativa a permitirlles vender o seu marisco.

Tras dous días traballando e sen poder vender o marisco, os sete novos mariscadores de Carril conseguiron hoxe por fin que lles permitiran vender o recollido. Este mediodía pesaban e preparaban as súas ameixas para a subasta na lonxa de Vilaxoán.

Puideron facelo en Vilaxoán, pero en Carril a confraría lles mantivo hoxe o veto. Por iso os mariscadores afectados agardan a intervención da Xunta de Galicia. Onte a administración aseguraba que non era preciso ser socio para poder vender nunha lonxa, botando por terra o argumento do pósito carrilexo para impedirlles a venda a pesares de contar cos permex.

Hoxe puideron subastar as capturas desta xornada e da de onte, que quedaron na lonxa de Vilaxoán por un erro administrativo na acta do Servizo de Gardacostas. Pero agora xa se preparan para o día de mañá. E é que non agardan que mude a actitude do pósito de Carril.