SANXENXO> María Deza despídese do Concello de Sanxenxo. A primeira tenenta de alcaldía dá o salto á política galega. Será a nova directora da Axencia Galega de Infraestruturas. A popular, moi emocionada, despediuse hoxe da corporación nun pleno extraordinario no que, apuntou, pediu desculpas polos erros que puido cometer. O alcalde e os grupos da oposición agradecéronlle o seu traballo.
Bágoas e aplausos na despedida de María Deza da política local. A primeira tenenta de alcaldía, concelleira de Planificación Urbanística e voceira do goberno de Sanxenxo dá o salto á Xunta: será a nova directora da Axencia Galega de Infraestruturas.
Deza iniciou a súa carreira política en Sanxenxo no 2011, sempre como membro do goberno local, agás entre 2015 e 2017, cando o PP pasara a oposición. Na súa despedida aproveitou para pedir desculpas polos erros que puido ter cometido.
E tivo palabras de agradecemento para a exalcaldesa Catalina González e para rexedor Telmo Martín.
E o alcalde, tamén moi emocionado, agradeceulle a Deza o seu traballo.
Tamén palabras de agradecemento dende os grupos da oposición.
Coa marcha de Deza, a seguinte na lista do PP é Arabela Deza que aínda non está confirmado que vaia asumir a súa acta como concelleira. Agárdase tamén que esta marcha supoña tamén unha reestruturación do goberno local para repartir as distintas responsabilidades que ata hoxe xestionaba María Deza, entre elas a primeira tenencia de alcaldía e a portavocía do goberno.











