Xornada informativa en Portonovo do GALP Pontevedra e o GDR Salnés-Ulla-Umia sobre as súas axudas

SANXENXO> Xornada informativa do Galp Ría de Pontevedra en Sanxenxo centrada nas axudas que xestiona o organismo no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura. A elas poden optar proxectos que teñan que ver coa posta en valor da pesca e do medio rural, en particular praceiros e praceiras de Portonovo e Sanxenxo. Por iso, na sesión tamén participou o GDR Salnés-Ulla-Umia para presentar a súa liña de axudas e, deste xeito, cubrir as demandas de todos os sectores produtivos presentes nas prazas.

Xornada conxunta do  Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra e o Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia centrada nas axudas a proxectos que poñan en valor a pesca e o medio rural. O encontro tivo lugar no Club Náutico de Portonovo.

A xornada estivo aberta ao público interesado na presentación de proxectos, en particular praceiros e praceiras de Portonovo e Sanxenxo. De aí a implicación tamén do GDR Salnés-Ulla-Umia, para presentar a súa liña de axudas e, deste xeito, cubrir as demandas de todos os sectores produtivos presentes nas prazas.

Nestes momentos o GDR Salnés-Ulla-Umia está a xestionar o período de axudas 2023-2027. A convocatoria de 2025 xa está pechada e o organismo está á espera de poder iniciar a de 2026. A xerente do GDR deu conta dos pormenores do programa Leader que aposta, explicou, pola autonomía das comunidades locais para impulsar o seu territorio, fixando poboación no rural.

Pola súa banda, o GALP está a xestionar axudas no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

Na xornada participaron representantes dos praceiros dos mercados de Sanxenxo e Portonovo, así como particulares que tiveron oportunidade de recibir orientación directa por parte do GALP e o GDR para presentar ás convocatorias as súas iniciativas.