A Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil reforzarán a súa cooperación durante o verán

SANXENXO> A Policía Local de Sanxenxo e a Garda Civil reforzarán a súa cooperación para facerlle fronte aos meses de verán. Este xoves celebrouse a Xunta Local de Seguridade, na que o subdelegado do goberno comprometeuse a incrementar a presenza da benemérita en datas clave no municipio en eventos masivos. No encontro tamén se destacou que Sanxenxo é un concello ‘extremadamente seguro’, cunha diminución no número de delitos de máis dun 4% no último ano.

Sanxenxo prepárase un ano máis para facerlle fronte aos intensos meses de verán, no que o municipio multiplica a poboación. Iso supón tamén un desafío dende o punto de vista da seguridade. Concello e subdelegación do goberno volveron escenificar este xoves a súa boa sintonía nesta materia, comprometéndose a reforzar a cooperación entre policía local e Garda Civil nos vindeiros meses.

Petición que o alcalde lle trasladou a Abel Losada no transcurso da Xunta Local de Seguridade.  O subdelegado, na liña dos últimos anos, comprometeuse a reforzar o dispositivo no verán, coa mobilización de máis efectivos da benemérita, en especial, coincidindo coa celebración de eventos masivos.

No encontro tamén se analizaron os últimos datos relativos á seguridade no municipio. As infracción penais reducíronse máis dun 4% na vila, comparando os datos de 2025 e 2024. O ano pasado rexistráronse 776.

Ao mesmo tempo aumentou o número de detidos e investigados: entre 2024 e 2025 o incremento foi de máis do 16%.

Losada tamén destacou o incremento do número de denuncias por violencia machista en Sanxenxo, seguindo a estela do resto de Galicia. O subdelegado destacou que ese é o primeiro paso para que Policía Local e Garda Civil poidan traballar na protección das vítimas. Neses momentos contabilízanse ao redor de 40 mulleres en Sanxenxo con protección, das cales só unha en risco alto.