Sanxenxo recupera o parque de Punta Vicaño con 80 novas árbores e un estanque

SANXENXO> Sanxenxo estrea o seu renovado parque de Punta Vicaño. O Concello decidiu acomete-la remodelación, trala tala de moitas árbores enfermas, un episodio que, como lembrarán, xerou certa polémica na vila. O alcalde di que non lles quedou outra que talalas e que agora plantáronse o dobre de árbores. Tamén se crearon novas sendas e ata un pequeno estanque.

Na beira do mar e cunhas fermosas vistas á ría de Pontevedra, o parque de Punta Vicaño xa loce a súa nova imaxe. O Concello de Sanxenxo acometeu neste espazo, de 2 hectáreas, un intenso lavado de cara.

Ademais dunha repoboación de distintas especies arbóreas, creouse un estanque e varias sendas con materiais naturais.

O alcalde da localidade explica que no seu regreso á alcaldía no 2017, atopou a zona moi degradada. Celebra que agora, dous anos e medio despois, o parque amose a súa mellor imaxe.

Dende o Concello explican que a repoboación do parque levouse a cabo con varias especies. En total, plantaron uns 80 exemplares, o dobre -din- dos que tiveron que talar no seu día.

A tala das vellas árbores de Punta Vicaño, que xerou polémica entre os veciños, levouse a cabo en base a informes técnicos que alertaban do seu estado.

A actuación, que xa rematou, supuxo un investimento de 160.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí