Descobren unha estrutura de pedra que podería formar parte dun antigo arco do Pazo de Fefiñáns

CAMBADOS> As obras de soterramento do cableado na rúa Real, en Cambados, deixaron ó descuberto unha construción que podería formar parte dun arco do Pazo de Fefiñáns. Esa é, polo menos, unha das varias hipóteses que barallan os técnicos que están a traballar alí. O Concello xa solicitou a Patrimonio permiso para continuar escavando a rúa, na procura de máis restos.

Debaixo dun tesouro sempre pode aparecer outro. As obras de soterramento dos cables na contorna da rúa Real trouxeron consigo un achado que podería ser de moito valor: unha estrutura de pedra que podería formar parte dun arco do Pazo de Fefiñáns, que foi construído no século XVI. Os expertos, polo momento, prefiren aplicar a estes restos unha definición máis cauta: é un muro que cómpre seguir analizando.

Así que intención agora é amplia-la escavación na procura de máis indicios que permitan aclarar que había construído neste punto. O Concello xa solicitou permiso a Patrimonio para continuar buscando outros restos.

Aínda con moitas incógnitas por descubrir, o que aquí se atope podería acabar tendo unha dobre utilidade: por unha banda, serviría para estuda-lo entramado urbano do Cambados de hai cinco séculos. Pola outra, converter estes restos nun novo atractivo cultural e turístico para a vila.

O que si se garante é a continuidade das obras de soterramento dos cables. O único que pode mudar con respecto ós plans iniciais é o lugar polo que discorrerán: co achado destes restos pode que haxa que desviar un pouco a obra, para garantir que o novo tesouro cambadés non sufra ningún dano.