PONTEVEDRA> Gozar do verán e intentar evadirse da situación que os afastou do seu país, de Ucraína. Este é o obxectivo dos campamentos que durante estes meses organizan a asociación AGA-Ucraína e Afundación. A actividade desenvolverase en Pontevedra ata o vindeiro 18 de agosto con catro quendas, polos que pasarán nenos e nenas ucraínos de entre 4 e 19 anos.
Facer deporte, xogar ao aire libre, compartir tempo e ocio cos compañeiros e, en definitiva, vivir o verán como os nenos que son.
É o obxectivo dos campamentos postos en marcha por Afundación coa asociación AGA-Ucraína. Teñen o seu epicentro en Pontevedra, na Residencia de Estudantes da entidade e hoxe comezou a primeira quenda.
Serán catro quendas e nelas participarán nenos e nenas de entre 4 e 19 anos. Compartirán o tempo tamén con cativos galegos, que se converteron nas súas familias de acollida dende que chegaron como refuxiados dende Ucraína.
Na casa de Tomás dende hai uns meses son tres persoas máis: Arten, Katya e Valeria. Tamén participan no campamento, aberto ás nais dos cativos.
Notan diferenzas culturais, pero nada insalvable. Nin sequera o idioma. Dende que chegaron a Galicia están integrados na comunidade e incluso nos centros educativos.
Só teñen palabras de agradecemento pero moitos xa fantasean co momento de regresar a Ucraína. Aínda que as novas que lles chegan non son alentadoras.
Pero polo de momento, o que queren é aproveitar este campamento ao máximo….
Porque o que buscan é pasar o mellor verán posible, lonxe do seu país en guerra.