Pontevedra>A presidenta da Deputación presentou o proxecto “Escavando o noso pasado”. Unha iniciativa que ten como obxectivo amosar, mediante a mirada de tres ilustradores, dez castros da provincia. Un proxecto que conta cunha ilustradora científica especializada en arqueoloxía e dous cadernistas que estará rematado para antes do mes de maio.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou o proxecto “Escavando no noso pasado: ruta arqueolóxica pola provincia de Pontevedra” do cal dixo que é unha nova aposta polo turismo e a cultura.
O proxecto, que xa está a desenvolverse, conta cunha ilustradora científica especializada en ilustración arqueolóxica, Guida Casella, e dous cadernistas, Alfredo Ugarte e Ana Moreiras, encargados de debuxar dez importantes xacementos da provincia. Estes castros son os de Santa Tegra (A Guarda), O Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Outeiro dos Gogoludos (Campo Lameiro), Laxe das Ferraduras (Cerdedo-Cotobade), Laxe dos Cebros (Oia), Torres do Oeste (Catoira), Chan da Arquiña (Moaña), castro de Toiriz (Silleda) e Castrolandín (Cuntis).
Carmela Silva explicou que dentro das nosas historias, os xacementos arqueolóxicos teñen un espazo significativo e con eles estamos a dar a coñecer a todo o mundo que a provincia de Pontevedra é un dos espazos máis atractivos de España. O ilustrador Alfredo Ugarte dixo que con este traballo se poderán coñecer dende distintas miradas estes xacementos.
Carmela Silva anunciou que en canto estean rematadas as ilustracións, de cara ao mes de maio, elaborarase un coleccionable para ser distribuído nas oficinas de Turismo, e servirá tamén como un agasallo institucional que permitirá dar a coñecer a beleza e o rico patrimonio da nosa provincia.