Día clave na reconstrución da ponte de Ponte Arnelas coa instalación das dúas celosías metálicas de 95 toneladas

RIBADUMIA/VILANOVA> Día clave para a reconstrución da ponte de Ponte Arnelas. Dende primeira hora desta mañá, leváronse a cabo as manobras de instalación de instación das celosías metálicas que lle darán forma á infraestrutura. Teñen 60 metros de lonxitude e cada unha delas pesa 95 toneladas. Trátase da parte máis complicada da obra na que están a intervir dous guindastres. A previsión é que a ponte poida reabrir ao tráfico rodado e peonil no próximo mes de abril.

Día clave nos traballos de reconstrución da ponte de Ponte Arnelas. A primeira hora desta mañá comezaron os traballos de instalación das dúas celosías que compoñen a estrutura da ponte. Cada unha delas ten 60 metros de lonxitude, 5 de alta e pesan 95 toneladas.

Trátase da operación máis complicada de todo o proceso de recuperación da ponte. Uns traballos de alta precisión, non exentos de complicacións.

No arranque destes traballos participou a Conselleira de Infraestruturas en funcións. Ethel Vázquez lembra que se actuou nas cimentacións e na propia fisionomía da ponte, ante o estado da anterior. Di que os traballos avanzan ben, marcando a reapertura da ponte para o mes de abril.

Se todo vai segundo o previsto, a reapertura da ponte terá lugar xusto un ano despois do seu peche, cando se detectaran varios danos que provocaran que a calzada cedese. Dende aquela o tráfico foi desviado pola ponte dos Padriños. Os concellos de Vilanova e Ribadumia, que se unen tamén a través desta vía, contan os días para a posta en servizo da nova infraestrutura.

Ademais da unión entre Vilanova e Ribadumia, por aquí pasa tamén o tráfico que, por exemplo, vén dende a autovía do Salnés e Meis cara a Vilanova ou Cambados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí