Portos e Turismo de Galicia renovan o seu compromiso coa promoción da náutica

BOIRO> O Club Náutico de Cabo de Cruz foi o escenario da sinatura do acordo de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e Portos que permitirá dar continuidade á promoción do turismo náutico galego de xeito conxunto como se veu desenvolvendo nos últimos anos, e na que colaboran tamén as principais instalacións náutico-recreativas galegas. Esta situación posibilitará manter a presenza da náutica galega naquelas feiras, salóns e presentacións sectoriais de maior importancia a nivel internacional durante o presente ano 2018. Durante este ano a oferta galega ten especial interese na súa promoción cara a zona sur, especialmente a Portugal, despois de que nos últimos anos se fixera unha proxección máis forte cara países coma Francia, Reino Unido, Alemaña ou Irtanda, entre outros. No último ano o número de embarcacións que se achegou a portos náuticos da comunidade ascendeu ós nove mil tránsitos, unha cifra que vén a evidenciar o éxito desta iniciativa da promoción conxunta da náutica galega.