CAMBADOS> As mulleres reivindican o seu papel cada vez con máis forza no sector vitivinícola. Un proxecto que representa este obxectivo é Anónimas Viticultoras. María Falcón e Cristina Yagüe están detras desta iniciativa, que dende Rías Baixas tece redes de colaboración con mulleres doutras zonas vitícolas de Galicia.
María Falcón e Cristina Yagüe son as profesionais do sector vitivinícola que na actualidade están detrás dos viños de Don Olegario. Esta relación resultou moito máis fructífera, e xuntas deron forma a un proxecto independente: Anónimas Viticultoras.
María e Cristina cultivan e controlan persoalmente as parcelas das que elaboran os seus viños. O primeiro que fixeron xuntas foi un rosado que forma parte dunha das liñas de Anónimas Viticultoras: Os Dunares. Baixo este paraugas tamén producen un albariño e un caíño tinto, aos que hai pouco se uniu outra elaboración.
Pero o dinamismo deste proxecto non remata aquí. Anónimas Viticultoras traballa noutra liña de viños máis especiais e que cada anada irán dedicados a unha muller anónima.
Xa queda menos para coñecer o nome da muller á que Anónimas Viticultoras dedicarán esta primeira edición dos seus viños, de diferentes variedades e elaboracións.
Falcón e Yagüe calculan que os primeiros viños especiais sairán ao mercado no mes de xuño. Pero elas xa están pensando no crecemento do seu proxecto: un traxecto no que seguirán incorporando variedades, elaboracións e colaboracións de compañeiras do sector.