O Concello da Illa contrata unha arqueóloga para desbloquear a rehabilitación das Casas Modernistas

A ILLA> O Concello da Illa avanza na modificación do proxecto de rehabilitación das Casas Modernistas, despois de que Patrimonio frease os plans municipais. O organismo autonómico esixiu varias correccións, centradas –sobre todo- nos materiais empregados. O arquitecto que ideou a reforma xa adaptou o seu deseño. Ademais, o concello contratou unha arqueóloga para que estude as zonas de salgadura.

O proxecto de rehabilitación das tres casas modernistas da Illa recupera o ritmo despois de que Patrimonio o frease en seco. O Goberno local xa se puxo mans á obra para modificar tódalas esixencias que o organismo autonómico lle demandou para seguir adiante coa rehabilitación dos históricos inmobles. O arquitecto que ideou a reforma xa adaptou o seu deseño e, ademais, o concello contratou unha arqueóloga para que estude as zonas de salgadura. As principais discordancias entre o proxecto e as esixencias de Patrimonio céntranse nos materiais.

En canto o Concello dispoña da versión modificada do proxecto e do informe da arqueóloga, váiselle remitir a Patrimonio, para que o volva avaliar. Segundo os plans municipais, este contratempo vai supoñer que o comezo das obras se retrasen algo menos dun mes: calcúlase que van arrancar en xuño. A rehablitación teñen que estar rematadas antes do 30 de xuño do 2019, segundo as condicións do Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra, fondo de onde proceden boa parte dos cartos que van permitir acomete-lo proxecto.