MEIS> Meis non esquece ao pequeno Leo, o bebé que faleceu en novembro de 2022 tras loitar contra unha enfermidade rara. Este ano celebrarase a primeira Carreira Solidaria de Leo, un evento que busca recadar fondos para as persoas que padecen este tipo de patoloxías. Será o vindeiro 1 de outubro e a organización agarda superar o milleiro de participantes.
Devolver, axudar e homenaxear. Son as tres palabras que resumen o obxectivo da Carreira Solidaria de Leo. Unha proba que nace en Meis para recordar a Leo Diz, o bebé meisino que faleceu en novembro de 2022 tras loitar contra unha enfermidade rara.
A cita celebrarase o vindeiro 1 de outubro, na contorna da área recreativa de Porto Pisón e A Baralla. O centro de operacións instalarase no campo da feira meisino.
Confían en que o carácter solidario da proba atraia a numeroso público. O recadado destinarase a axudar á Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas.
A data límite para formalizar a inscrición de forma online será o 27 de setembro e pode facerse a través da web da Federación Galega de Atletismo. Búscase que esta primeira Carreira Solidaria de Leo sexa todo un éxito e que o recordo do pequeno volva mobilizar á cidadanía.