O Concello de Vilagarcía dáse un prazo de 12 meses para a aprobación inicial do PXOM

VILAGARCÍA> O Concello de Vilagarcía dáse un prazo de 12 meses para a aprobación inicial do PXOM. A nova adxudicataria deberá resolver, nese tempo, todos os aspectos que aínda quedan pendentes na revisión da primeira fase do Plan de Urbanismo. O primeiro paso que deberá asumi-la empresa recompilar e remitir á Xunta a información que se lle requiriu ó concello hai xa 10 meses.

En 12 meses, a nova empresa que vai para continuar cos traballos do PXOM de Vilagarcía terá que ter listo o documento para a súa aprobación inicial. Esa é a marxe que lle marcou Ravella coa intención de atallar canto antes a revisión dun plan de urbanismo que no concello xerou máis dunha dor de cabeza nos últimos meses, trala renuncia de Eptisa, a anterior adxudicataria.

O alcalde cre que agora o camiño está despexado de cara á aprobación inicial do documento, dentro dun ano. O socialista confía en que a partir de agora os prazos se vaian cumprindo.

O rexedor cre que é positivo que sexa a empresa Alfonso Botana S.L. a que se encargue de continuar cos traballos. O alcalde non marca, polo de agora, unha data para a aprobación definitiva do documento. Con todo, salienta que o seu obxectivo é sacar adiante o PXOM canto antes.

O PP vilagarcián, pola súa banda, critica que o alcalde volva anunciar que o PXOM estará listo en 12 meses. Segundo os populares “é a segunda vez en dous anos que Varela  promete o PXOM nun ano”, referíndose a que o anterior prazo –antes da renuncia de Eptisa- estaba marcado para o verán do 2017.